Francisco Miguel - Un canon accidental - Urbano Lugrís

As mans santas (de Francisco Miguel), de Correa Corredoira

As mans santas (de Francisco Miguel). Óleo sobre tea. 2010
Até o 21 de maio na Fundación Luis Seoane da Coruña pódese ver a exposición Correa Corredoira. Os días pintados unha restrospectiva da obra pictórica [cuns petiscos escultóricos] de Xabier Correa Corredoira .
Entre todos os cadros impresionoume especialmente  As mans santas (de Francisco Miguel) pola súa forza para transmitir a historia que agocha.
Ao lado deste cadro, nun expositor un caderno do autor aclara para o visitante despistado a xénese do cadro:

Caderno de Xabier Correa Corredoira.
que di:
Tras cortarlle as santas máns a Francisco Miguel os verdugos da Guardia Civil descubriron que seguía a pintar cos muñóns, ca face e ca língoa. E tras o visto machacáronlle a cabeza a culatazos. Foi entonces cando a mar, as cunchas e as nubes que el pintaba revolverónse e decidiron ser eternas nas outras máns de Urbano Lugris, o de Sada e de Manuel Rivas, o de Elviña.  21.xuño.2007.
Francisco Miguel foi un pintor coruñés ao que as forzas sublevadas cortáronlle as mans antes de asesinalo no 1936. Foi un dos inspiradores máis claros do estilo de Urbano Lugrís e aparece como personaxe na novela O lapis de carpinteiro, de Manuel Rivas.
A súa historia pódese ler nos Diarios [Edicións A Nosa Terra, 2000] da súa dona Syra Alonso.

Sergio B. Landrove

Naceu no medio e medio do océano Atlántico a bordo do buque Covadonga no que os seus pais retornaban a España. Estudou filosofía nas universidades de Salamanca e Santiago de Compostela. En 2003 abandona a universidade e comeza a traballar como mecánico en Ponferrada, cidade na que faleceu o 27 de febreiro de 2018. Foi subdirector plenipotenciario da folla voandeira presuntamente humorística Le Rosaire de l`Aurore dende 2004 a 2018. É autor do blog Constelación decimoctava, de dúas recompilacións de relatos Osorio y compañía (Ediciós da mitocondria, 2005) e Restralletes (Ediciós da mitocondria, 2008) e dunha manda de contos, tentos, poemas e artigos espallados por cibersitios, xornais e revistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *