A contratiempo. - Autobombo. - Crónicas landróvicas - In nave civitas - IV día Lugrís

Oda da arribada (IV día Lugrís)

Sergio B. Landrove vestido co uniforme de Gala da Unión de Conserveiros de Galicia.
Fotografía de Pilar Silva.
Dentro das actividades do IV día Lugrís tiven a sorte de que me correspondera dar a benvida ao mural “Vista da Coruña, 1830” que desde ese día está pendurado de xeito permanente no Museo de Belas Artes da CoruñaPara ese acto (“poético e cidadán”, dicía o programa) preparei este breve texto:
 ODA DA ARRIBADA
Saúde e Océano!


Nós, as coruñesas, fartas da fealdade reivindicamos a beleza.


E por iso vimos hoxe a nosa arca, como tantos días, para pedir beleza a Luis Seoane, a Rodríguez Corredoira, a Abelenda, a Díaz Valiño, a Vaamonde Cornide, a Francisco Leiro, a Xaime Cabanas, a Manuel Colmeiro, a Francisco Lloréns, a Castelao, a Caruncho Amat, a Antón Patiño, a Álvaro Cebreiro, a Correa Corredoira, a Díaz Pardo, a Imeldo Corral, a Eugenio Granell, a Menchu Lamas, a Laxeiro, a Maruja e a Cristino Mallo, a Maside, a Ovidio Murguia, a José María de Labra, a Raimundo Patiño, a Goya, a Ribera, a Rubens, a Sorolla…


E para pedir beleza, como non, acudimos a él, ao Noso Señor Lugrís, o pintor do mar, o poeta sur-marino.


Nós, os coruñeses, fartos da solidez do acecido reivindicamos o movemento continuo do océano.


Reclamamos o soño, a serea, a áncora, o narval, as cidades asolagadas, os homes mariños, o tesouro de Rande, o brúar da buguina, a Marola, o faro (a nosa Torre), a balea, os fogos de san Telmo, a agulla de marear, a San Brandán, a Verne, os trinta e dous rumbos da rosa dos ventos e a eufonía dos nomes todos das pedras da Torre.


E dende esta xeografía, transformada en mítica polo pincel flamenco de Urbano Lugrís González, non podemos menos que celebrar a arribada deste mural a bó porto.


A familia Lugris Alonso-Muñoyerro fixo que se salvara esta obra, que foi a cura da súa morriña coruñesa no seu piso de Madrid.


Nos anos 90, antes de vender a súa casa, decidiron conservar o fresco e partillalo con todas nós doándoo ao Museo de Belas Artes. Un aceno de xenerosidade que nunca seremos quen de agredecer.


Hoxe esta “Vista da Coruña, 1830” xa é de todos, e todas o podemos desfrutar con só desexalo.


Viremos aquí nos escuros días do presente, tan semellantes a aqueles de antano nos que pintou Urbano, para apoiar o noso ombreiro na arcada xunto aos amantes, María e Alfredo, que agardan impacientes a recalada do vapor de paletas “A Peregrina” que xa deixou atrás San Antón (ou será San Diego?).

 – Alí ven o noso futuro, di Alfredo.


Repenican as campás da colexiata.


E saíremos da escena porque non queremos descubrir, xa hoxe, os segredos desta parella.


E, xa fóra do fresco, no mundo real a nosa alma queda ancorada ao pensamento de Urbano Lugrís que pintaba en galego, razón pola cal non podía ser realista.


Medre o Mar!

Deixo aqui un par de  vídeos* do momento (coruñento) da lectura da oda:

Gravación de Teresa Ramiro
Gravación de Xosé Iglesias
* No primeiro podedes escoitar a presentación que fixo Xurxo Souto e no segundo escoitase mellor o texto da oda.
Sergio B. Landrove

Naceu no medio e medio do océano Atlántico a bordo do buque Covadonga no que os seus pais retornaban a España. Estudou filosofía nas universidades de Salamanca e Santiago de Compostela. En 2003 abandona a universidade e comeza a traballar como mecánico en Ponferrada, cidade na que faleceu o 27 de febreiro de 2018. Foi subdirector plenipotenciario da folla voandeira presuntamente humorística Le Rosaire de l`Aurore dende 2004 a 2018. É autor do blog Constelación decimoctava, de dúas recompilacións de relatos Osorio y compañía (Ediciós da mitocondria, 2005) e Restralletes (Ediciós da mitocondria, 2008) e dunha manda de contos, tentos, poemas e artigos espallados por cibersitios, xornais e revistas.

2 Comments on “Oda da arribada (IV día Lugrís)

  1. Grazas a ti Pilar ( tamen pola foto)!

    A verdade que teño moi abandonada esta constelación que tanto traballiño (e diversión me deu) durante moito tempo.

    Apertas atlánticas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *