In nave civitas - Medre o mar - Poesía. - Pontificando - Un canon accidental

S.O.S LUGRÍS

Mayday, mayday, mayday !
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!,
Securité, securité, securité!
(O’Rivas)
Aviso aos terrícolas:
Somos fillos do mar, vivimos no medio e medio do Océano.
Non podemos perder ao pintor sur-marino: da súa ancora penden os nosos soños.
Alarma. Aviso de auxilio.
Na rúa dos Olmos
os picos traballan as voces
para acadar o silencio
(tamén as lanternas lograron
sementar oscuridade)
Alarma. Aviso de auxilio.
Na rúa dos Olmos
queren matar ao mar,
facernos esquecer
ao Ulises Fingall,
-irmán de Jules Verne-
agochando en formigón
as súas pegadas.
S.O.S Lugrís,
Lugrís S.O.S
Novos trebóns ameazan:
non queren o ronsel
das túas alancadas
Para que conservar a liberdade dun paso
que non quiso seguir o ritmo de ninguén,
(agás o do seu propio corazón)?
Alarma. Aviso de auxilio.
S.O.S Lugrís
Lugrís S.O.S.
Sergio B. Landrove

Naceu no medio e medio do océano Atlántico a bordo do buque Covadonga no que os seus pais retornaban a España. Estudou filosofía nas universidades de Salamanca e Santiago de Compostela. En 2003 abandona a universidade e comeza a traballar como mecánico en Ponferrada, cidade na que faleceu o 27 de febreiro de 2018. Foi subdirector plenipotenciario da folla voandeira presuntamente humorística Le Rosaire de l`Aurore dende 2004 a 2018. É autor do blog Constelación decimoctava, de dúas recompilacións de relatos Osorio y compañía (Ediciós da mitocondria, 2005) e Restralletes (Ediciós da mitocondria, 2008) e dunha manda de contos, tentos, poemas e artigos espallados por cibersitios, xornais e revistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *